Dende o Cantábrico ata o Levante, con escala en Valladolid arriban a este I Festival 2 Mares diferentes grupos con nacementos diversos pero mesmas vocacións.
Dende a consideración da música como medio de integración de diferentes expresións culturais todos estes grupos móvense motivados tanto pola conciencia de conservación dunha raiz cultural propia, como pola difusión da mesma en novos contextos culturais.
Grupo que xurdiu no Centro Asturiano de Barcelona no ano 2002 como consecuencia do interese de Anto Pérez, Lena Uria e Pablo Valenciano de formar un grupo folk asturiano na cidade de Barcelona. Este grupo, formado por compoñentes da banda Andecha pol Raigañu do Centro Asturiano empezará os seus ensaios durante 2001 co apoio incondicional dos coordinadores da banda Gloria Branco e Julio Quirós.
A inquietude dos compoñentes deste proxecto por buscar un son propio dentro da tradición musical foi enriquecéndose coa incorporación de novos membros que sumaronse á formación orixinal, levándoos a participar en numerosos certámenes nacionais e internacionais.
Actualmente a súa vocación difusora levounos á preparación dun proxecto de espectáculo educativo que inclúe exposición, charla e concerto cunha alta dose de interactividade co público mentres que preparan o seu primeiro traballo discográfico.

Grupo de Cantareiras que naceu na Casa de Galicia en Valladolid no ano 1997, integrado por dez mozas vinculadas activamente ao folklore e a música tradicional mediante a súa participación en diferentes proxectos, tanto de grabación como de colaboración con outros grupos nesta escena.
Erguedela recolle a tradición herdada dos grupos de pandereteiras e cantareiras de Galiza para recreala dende un estilo persoal, baseando o seu repertorio nos resultados obtidos dos traballos de campo de recolleita da tradición oral na xeografía galega.
Erguedela ten como obxectivo a conservación e difusión da música tradicional galega tanto nas súas actuacións, onde reproducen con fidelidade as diferentes pezas recollidas, como a través da súa escola na que se imparten clases de canto e pandereita.
A Asociación Cultural e Folklórica Avante Cuideiru naceu no ano 1985 articula un importante proxecto de conservación e difusión da tradición cultural da comarca asturiana de Cuideiru. Traballa tanto na investigación do patrimonio cultural como na promoción e difusión da tradición a través de publicacións como a revista Avante Cuideiru, a súa Escola de Música Tradicional ou a xestión de eventos como o Concurso de Composición para Instrumentos tradicionais Asturianos.
Este amplo proxecto cultural que nunca perde de vista as súas orixes vinculadas á labor musical e folklórica ampara como unha das súas expresións máis representativas á Banda de Gaites, esta formación desenvolve unha intensa actividade realizando concertos tanto en todo o territorio nacional como participando en diversos certámentes internacionais, o XXIII Festival Intercéltico de Lorient (Francia), o Festival de Música de Saltzburgo (Austria) ou o Festival Internacional de Kaustinen (Finlandia) son só algúns dos encontros que apreciaron a súa labor.
Froito do seu traballo editaron dous discos, o primeiro en 1994 con temas tradicionais asturianos e o titulado Rosa dos Ventos (1997) onde amplían o seu rexistro musical incluíndo temas de música clásica e moderna.

No Centro Asturiano de Barcelona aséntase o grupo de folklore Andecha pol Raigañu, grupo con longa historia de participacións en diversos eventos nacionais e internacionais de difusión da música con raíz.
No ano 2005 nace como un novo proxecto a Banda de Gaitas baixo a dirección de Iñaki Sánchez Santianes, director tamén da banda La Laguna de Torollu, e profesor de gaita do Conservatorio de Oviedo, que levou a esta agrupación a participar en diferentes actividades culturais na cidade de Barcelona.

Os Castros está integrado por 18 membros de idades e procedencias diversas que dotan a este grupo, nado no Centro Galego de Alacante no ano 2003, dunha forte personalidade.
A diversidade dos integrantes deste grupo reflíctese tanto no modo en como abordan a tradición na que basean o seu repertorio, como na apertura ecléctica a todo tipo de contaminacións e experimentacions do contexto músical no que se desenvolve a súa actividade.
Os Castros participóu nestes anos en diversos eventos relacionados co estudo e difusión do folklore tanto na Comunidade Valenciana da que proceden como en diferentes puntos do estado.
As Escolas de Asturiania son unha iniciativa didáctica do Consello de Comunidades Asturianas posta en marcha á demanda de diferentes Centros Asturianos. O interese pola formación musical, de baile e pola tradición cultural dos integrantes dos centros asturianos de Alacante, Torrevieja e Castellón levounos a participar no primeiro proxecto deste tipo no ano 2005. Froito desta primeira promoción é a Escola de Asturiania de Levante que nestes últimos anos foi consolidando a sua reputación e bo facer en diferentes actuacións polo territorio nacional.

No seo do colectivo cultural Revolta desenvólvese no ano 1998 un taller de tabal e dolçaina que se consolidará, ó ano seguinte, en L’Escola de Tabal i Dolçaina Gatzara como un proxecto estable.
Froito deste traballo cóntase, a partir do ano 2000, con músicos suficientes para constituír a Colla Gatzara, que xunto a L’Escola converteuse nos últimos anos en referencia obrigada en canto á conservación e difusión da música tradional da comarca.
Ó mesmo tempo, a fidelidade ó obxectivo de ser un elemento de conciencia social levóu a Gatzara a organizar e participar en diferentes actos reivindicativos ó longo de todo o País Valenciano e o estado español.

A banda de gaitas Celturia desenvolve a súa actividade no marco da Associació d’Amics da Gaita de Valencia, constitúese como unha experiencia colectiva dunha serie de persoas movidas polo interese pola música tradicional de raíz céltica e o seu amor pola música en xeral.
Estructurada ó xeito das bagad bretonas (gaitas, bombardas, percusión) aproveita a riqueza de referencias dos seus integrantes para construír un repertorio que integra á mencionada raiz céltica a riqueza musical do entorno levantino, do que proceden boa parte dos seus membros.
Entre os obxectivos de Celturia atópase unha forte implicación na docencia tanto de interpretación musical como das propias referencias culturais das que se nutre, levando a cabo unha actividade dirixida a recuperar e difundir a música tradicional sen deixar aparte a adaptación e o mestizaxe que supón o crear unha banda de inspiración atlántica a beiras do Mediterráneo, polo que aínda sendo unha banda articulada ao redor da gaita galega non esquece a riqueza de instrumentos como acordeóns, djembés, dolçainas, etc.